O Manzanares manchego, próximo rival do Pontevedra no play-off de ascenso

Pontevedra
01 de xuño 2015

Trátase do cuarto clasificado do Grupo 18, que vén de eliminar o Lanzarote en penaltis. O primeiro encontro disputarase a próxima fin de semana en Manzanares, Ciudad Real, e a volta no Estadio Municicipal de Pasarón

Sorteo da semifinal polo ascenso a Segunda B na sede da RFEF
Sorteo da semifinal polo ascenso a Segunda B na sede da RFEF / RFEF

Sen tempo case para dixerir a dolorosa derrota por penaltis ante o Mensajero, o Pontevedra ten xa rival no que centrarse no seu novo camiño cara ao ascenso, no que deberá superar dúas eliminatorias.

O sorteo celebrado na Cidade do Fútbol de Las Rozas emparellou o equipo granate co Manzanares Club de Fútbol, cuarto clasificado do Grupo 18, o castelán-manchego.

O Manzanares, club da localidade do mesmo nome situada a 50 quilómetros de Ciudad Real, chega á semifinal polo ascenso contra o Pontevedra despois de eliminar, tamén na quenda de penaltis, ao Lanzarote, nun cruzamento no que ningún dos equipos conseguiu perforar a meta rival, con senllos empates sen goles.

O primeiro dos partidos da eliminatoria disputarase na localidade manchega a próxima fin de semana e a volta no Estadio Municipal de Pasarón.

Pola súa banda o outro equipo galego no bombo, o Deportivo B, enfrontarase ao UD San Pedro malagueño, xogando o partido de volta na Coruña.