O Pontevedra Club de Fútbol xa coñece o rival que lle espera na primeira eliminatoria da Copa do Rei, tras o sorteo celebrado este luns na sede da Real Federación Española de Fútbol.
O club granate quedou emparellado cun rival que milita na Segunda RFEF, o CE Manresa, actual cuarto clasificado do Grupo III.
Ao tratarse dunha eliminatoria a partido único en campo do equipo de menor categoría, o duelo deberán disputalo lonxe da Boa Vila, e só no caso de superar rolda o Torneo do K.O. poderá chegar ao Estadio Municipal de Pasarón.
Os encontros de primeira rolda disputaranse a fin de semana do 12 e 13 de novembro, nun horario aínda por confirmar.
Cabe destacar que o club granate regresa á Copa do Rei despois dun ano de ausencia, xa que a súa última participación foi na campaña 20-21, na que superou en primeira rolda ao Cartaxena e na que foi eliminado en penaltis na segunda fronte a un rival da máxima categoría como o Cádiz.