O Mace Sport atrae a 1.500 taekwondistas ao seu clásico Open Cidade de Pontevedra

Pontevedra
30 de outubro 2019

O pavillón Príncipe Felipe acolle este sábado e domingo un campionato no que participarán deportistas de Colombia, Cabo Verde, Portugal e España e que terá operativos por primeira vez no país os últimos avances tecnolóxicos

Presentación do XXII campionato de taekwondo Cidade de Pontevedra
Presentación do XXII campionato de taekwondo Cidade de Pontevedra / PontevedraViva

O pavillón de Príncipe Felipe acolle esta fin de semana a vixésimo segunda edición do campionato internacional de taekwondo Cidade de Pontevedra, que reunirá na capital lerezana a máis de 1.500 deportistas de todas as idades.

"Para nós é un gran evento deportivo e é un orgullo facer este campionato e ter un club como o Mace Sport con deportistas de nivel internacional", declarou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, na presenteción do torneo que tivo lugar este mércores no Concello.

Os combates comezarán o sábado á primeira hora e non terminarán ata a tarde do domingo, só haberá descanso pola noite. Os primeiros en demostrar o seu nivel serán os deportistas de categoría júnior e infantil. Pola tarde será a quenda dos alevíns e cadetes, mentres que na mañá do domingo decidirase o gañador das categorías absoluta e máster. Na mesma mañá de domingo terá lugar a proba de técnica e, pola tarde, a de exhibición e freestyle.

Unha das novidades desta edición está no plano tecnolóxico. Por primeira vez en España, nun campionato organizado por un club, os taekwondistas competirán con cascos e monos electrónicos, uns elementos transcendentais para determinar a validez dos golpes. Ademais, as pistas estarán equipadas cun sistema de vídeo replay de catro cámaras. 

Entre os participantes, están taekwondistas de clubs de Colombia, cabo Verde, Portugal e de todas as comunidadades de España. A imposibilidade de alongar a competición durante dous días obriga ao Mace Sport a limitar a participación. "Sabe mal dicirlle que non á xente, pero non podemos meter máis xente en só dous días. Non paramos nin para comer", remarcou o presidente do club Miguel Cortegoso.

"É o Open máis importante de España que organiza un club", destacou o presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiriz, durante a presentación do evento. No acto participou tamén o representante da Xunta en Pontevedra para os Deportes, Daniel Benavides, quen se desfixo en eloxios cara ao club pontevedrés pola súa ambición e promoción deste deporte. Tamén o deputado Gregorio Agís, en representación da Deputación, falou da importancia destes eventos e da "obriga de apoiar esta iniciativa".