O Logroñés pon terra polo medio e afasta a un Pontevedra sen chispa (3-0)

Pontevedra
19 de marzo 2016

Freada do Pontevedra que se afasta dos postos de play-off ao caer derrotado polo Logroñés, nun partido no que os de Luisito sufriron máis do afeito en defensa, debendo actuar ademais a última media hora cun home menos, por expulsión de Campillo, e non atoparon solucións para xerar xogo ofensivo. Con esta derrota, os granates afástanse a nove puntos do propio Logroñés, que case asegura o terceiro posto

Os xogadores do Pontevedra retíranse de Las Gaunas tras ser derrotados polo Logroñés
Os xogadores do Pontevedra retíranse de Las Gaunas tras ser derrotados polo Logroñés

Freada do Pontevedra que se afasta dos postos de play-off ao caer derrotado polo Logroñés, nun partido no que os de Luisito sufriron máis do afeito en defensa, debendo actuar ademais a última media hora cun home menos, por expulsión de Campillo, e non atoparon solucións para xerar xogo ofensivo. Con esta derrota, os granates afástanse a nove puntos do propio Logroñés, que case se asegura o terceiro posto.

Comezou mellor o equipo rioxano, dominando territorialmente ante un Pontevedra despistado nas marcaxes e sen as ideas claras á hora de sacar o balón xogado. Aínda así as ocasións non chegaban ata superado o primeiro cuarto de hora. Probou fortuna o equipo visitante á saída dun corner, pero o remate de Hugo marchouse alto.

Era o minuto 15 e un máis tarde o Logroñés adiantábase. Fíxoo nunha xogada na que se pode repartir a responsabilidade entre a boa triangulación ofensiva dos branquivermellos e o erro no despexe dun balón sen aparente perigo que Muneta serviu á interior da área. O lateral Paredes, que se incorporou, empalmó coa esquerda un disparo cruzado ante o que nada puido facer Edu.

Os galegos pasaron un momento de desconcerto ao verse en desvantaxe. O Logroñés, co marcador a favor, puido xogar como lle gusta, aproveitando o adiantamento de liñas visitante, con balóns longos buscando as costas dos centrais pontevedreses, que sufrían máis da conta para evitar que os dianteiros locais chegasen en vantaxe ante a súa portería.

Edu tivo que empregarse a fondo en dúas ocasións para rexeitar os remates de Titi e Pere Milla. Dous remates en pouco máis dun minuto, que atoparon tímida resposta visitante cun disparo de Hugo, culminando unha contra do Pontevedra, que non sorprendeu a Miguel (minuto 26).

Ata o descanso pouco máis que destacar, salvo as dificultades galegas para achegarse con perigo, pero peor se lle poñerían as cousas aos de Luisito no segundo tempo. A velocidade dos homes de banda do Logroñés non paraba de crear problemas á zaga visitante, e Pere Milla puido facer o segundo, pero o asistente invalidou a acción por dubidoso fóra de xogo.

Con todo, os problemas defensivos do Pontevedra tiveron o seu punto culminante aos 58 minutos cando Luís Morán métese na área e é derrubado por detrás por Campillo. O árbitro decreta penalti e expulsa con vermella directa ao central visitante. O mesmo Luís Morán transforma, subindo o 2-0 ao marcador.

Ao Pontevedra quedáballe pouco máis de media hora para reaccionar, pero con dous goles en contra e en inferioridade numérica, pronto baixou os brazos, a pesar de realizar algúns achegamentos con escaso perigo e sempre ben controlados por un Logroñés crecido por un marcador favorable e a sensación de dar un paso de xigante no seu obxectivo de asegurar a clasificación para o play-off de ascenso.

Aínda por riba, na recta final mentres un disparo de Álex Fernández que podía recortar distancias era desviado polo meta local, a falta de seis minutos chegaba o terceiro gol local, nun pase raso de Titi que Pere Milla, en semifallo, aproveita no segundo pau para elevar sobre Edu. Excesivo castigo, pero xusto resultado para un Logroñés que foi moi superior.

UD LOGROÑÉS (3): Miguel; Santos (Barreda, minuto 68), Adrián León, Borja, Paredes; Jacobo, Chevi; Titi, Muneta (Adrián Cruz, minuto 53), Pere Milla; e Luís Morán (Carlos Fernández, minuto 72).

PONTEVEDRA CF (0): Edu; Adrián, Campillo, Pablo, Verdú; Kevin Presa, Álex Fernández; Hugo (Mouriño, minuto 72), Jacobo (Anxo, minuto 46), Bello (Jandrín, minuto 68); e Borjas.

Árbitro: Vicente Gil Coscolla (Valencia), auxiliado nas bandas por Marcos Daniel Saenen Álvarez e Ángel Enrique Sanz Terrades. Expulsou con vermella directa ao xogador visitante, Campillo (minuto 59). Amoestou a Adrián León e Santos, polo Logroñes, e a Hugo, Álex Fernández e Pablo, polo Pontevedra.

Goles: (1-0) Minuto 16: Paredes. (2-0) Minuto 59: Luís Morán, de penalti. (3-0) Minuto 84: Pere Milla.

Incidencias: Estadio Municipal de Las Gaunas (Logroño). 2.814 espectadores.