Duro exame para o Arosa este sábado 26 de febreiro (19.00 horas) na visita ao estadio da Lomba do actual líder da categoría, un Unión Adarve en horas baixas.
O conxunto madrileño só sumou un triunfo nas súas cinco últimas xornadas, aínda que para Jorge Otero é "un líder merecido que vén facendo as cousas moi ben".
O adestrador arlequinado encomia as virtudes dun Adarve que "é un equipo que con nada che fai dano", pero asegura que "me preocupa máis o que sexamos capaces de facer nós sabendo o rival que temos enfronte". Por ese motivo "a idea é recuperar as sensacións que non estamos a ter ultimamente", co descenso axexando a só tres puntos de distancia.
Otero cre que para conseguir sacar algo positivo "temos que ser fortes defensivamente, non cometer erros".
Iso si, aínda sabendo da dificultade, o técnico defende que "estamos capacitados para facer un bo partido e sumar os tres puntos".