O Leis métese en problemas co seu tropezo nas Pontes

Pontevedra
21 de novembro 2017

Tras caer na pista dun rival directo pola permanencia os pontevedreses vense con apuros na parte baixa da táboa na Segunda División B  

Partido do Leis no Municipal
Partido do Leis no Municipal / Diego Torrado

Era un partido marcado en vermello no calendario e o Leis Pontevedra fallou. A derrota do equipo pontevedrés nas Pontes, na pista do Esteo (3-2) deixou aos de Manu Cossío nunha situación delicada na clasificación da Segunda División B de fútbol sala.

Tratábase dun rival directo na loita pola permanencia, co que chegaba empatado a 7 puntos, e agora tras a derrota o Leis queda estancado na antepenúltima posición, cun só punto de vantaxe sobre o Ventorrillo e catro sobre o pechacancelas, o Unión Arrollo.

Os pontevedreses saíron ben ao partido, presionando a toda pista e con ocasións claras, pero faltou acerto e o cadro local aproveitou un erro nunha transición para coller vantaxe a 12 segundos do descanso.

Nada máis comezar o segundo acto un novo fallo, esta vez na saída de balón, poñía en bandexa o 2-0 ao Esteo. Eran malos minutos para o Leis, que a piques estivo de recibir a sentenza, pero pasaron os abafos e Pablo primeiro e Barcala despois, a falta de dous minutos, lograban igualar o encontro.

Así se chegou ao último minuto, cunha acción polémica que resultou decisiva nunha posible cesión ao seu porteiro dos locais que sacaron con rapidez en longo forzando unha falta que deu lugar ao definitivo 3-2 desde os 10 metros.

Os xogadores adestrados por Manu  Cossío deben agora sobrepoñerse ao pau para preparar o esixente duelo da próxima xornada, na que recibirán en Pontevedra ao líder, o Guardo  FS.