O Leis estrea a tempada con empate ante o Ventorrillo

Pontevedra
25 de setembro 2017

O equipo pontevedrés iniciou a liga na Segunda División B masculina de fútbol sala cun empate no partido disputado no Pavillón Municipal dos Deportes 

Partido entre Leis e Ventorrillo no Municipal
Partido entre Leis e Ventorrillo no Municipal / Diego Torrado

Con empate estreou a tempada o Leis Pontevedra na Segunda División B masculina de fútbol sala.

Os pontevedreses puideron levar o triunfo, pero tiveron que conformarse cun punto nun choque vibrante ante o Ventorrillo (1-1), celebrado no Pavillón Municipal dos Deportes.

Os de Manu Cossío gozaron do algunha ocasión na primeira metade, pero a igualdade foi máxima e o marcador non se moveu ata o descanso.

No segundo acto un desaxuste defensivo dos locais provocou o 0-1 do Ventorrillo, pero pouco duraríalle a alegría porque Sergio facía o empate só 30 segundos despois.

O tramo final do encontro estivo marcada pola expulsión do gardameta visitante, xa que o seu equipo non contaba con substitución. Lanzouse desde entón o Leis ao ataque na busca do gol do triunfo, pero a fortuna foi esquiva e o marcador xa non se movería.

O EQUIPO FEMININO, NA ZONA ALTA DA TÁBOA

O que comezou ben a tempada é o equipo feminino do Leis, no seu obxectivo de recuperar a categoría perdida. As pontevedresas superaron ao 5 Coruña (4-1) no seu segundo partido da tempada e colócanse no liderado da Primeira Autonómica con 6 puntos.