Malas novas para o Leis Pontevedra, que este luns confirmou os primeiros resultados das probas PCR realizadas ao seu plantel tras o amigable xogado a pasada semana fronte ao Santiago Futsal.
Un positivo por Covid-19 no conxunto compostelán puxo en alerta aos pontevedreses, que se confinaron o pasado mércores como medida de precaución ao coñecer os síntomas dun dos xogadores rivais.
Durante a fin de semana parte dos xogadores do Leis foron sometidos ás probas de detección do coronavirus, e unha delas deu resultado positivo, menres que tres compañeiros máis presentan síntomas compatibles.
O xogador afectado, confirman desde a entidade, presenta "algo de dor de cabeza, gorxa e un pouco de febre, pero está ben", aseguran.
Este é en todo caso un balance provisional, posto que o Leis seguía este luns á espera de que Sanidade completase a rolda de probas PCR aos seus xogadores e adestrador.
Ante esta situación considérase inviable disputar a primeira xornada de liga da Segunda División B de fútbol sala, que lle debía enfrontar a próxima fin de semana ao Cidade de Narón, e solicitou o seu aprazamento ao comité de competición.