O Joventut Badalona conquista o Campionato de España Infantil celebrado en Marín

Marín
10 de xuño 2023

O Campionato de España Infantil Feminino de baloncesto celebrado en Marín desde o 4 de xuño coroou este sábado ao Joventud Badalona como novo campión tras a final disputada ante o Casademont Zaragoza. O SPAR Gran Canaria fíxose co bronce  

Campionato de España infantil feminino de baloncesto en Marín
Campionato de España infantil feminino de baloncesto en Marín /

O Campionato de España Infantil Feminino de baloncesto celebrado en Marín desde o 4 de xuño coroou este sábado ao Joventud Badalona como novo campión tras a final disputada ante o Casademont Zaragoza. O SPAR Gran Canaria fíxose co bronce.

Pon punto e final a vila marinense a esta competición tras unha intensa semana na que os amantes do baloncesto puideron gozar das mellores canteiras do panorama nacional. En total 32 equipos pasaron polos pavillóns da Raña, San Narciso e Ou Sequelo dos cales Joventut Badalona, Casademont Zaragoza, Spar Gran Canaria e Movistar Estudiantes alcanzaron as semifinais.

A medalla de ouro levoulla o equipo catalán, que se tivo que empregar a fondo ofrecendo unha das súas mellores versións ante un esixente Zaragoza. Con todo, cun contundente parcial de 27-7 no primeiro cuarto o Joventut rompeu coas ilusións do seu rival, que tentou remar ao contraxeito pero foi incapaz de remontar. Claudia Lostal asumiu o liderado do seu equipo, pero as de Badalona seguiron incrementando as diferenzas ao descanso (48-21).

Co partido case sentenciado e o ouro no peto, o Joventut só tivo que manter o mesmo xogo que ata o momento para facerse cun histórico título por 68-45.

TERCEIRO E CUARTO POSTO

O Spar Gran Canaria conquistou a medalla de bronce tras disputar un duro encontro ante un batallador Movistar Estudiantes. De feito, o cadro madrileño dominou a primeira parte do partido cun bo parcial de saída e apenas 5 puntos recibidos nos 10 primeiros partidos de xogo. Tocáballe remar contracorriente ao conxunto canario, pero o Movistar Estudiantes aguantaba o pulso para manter intactas as súas diferenzas.

Con todo, tras o paso por vestiarios, as transicións rápidas tras o rebote defensivo por parte das canarias permitíronlle asinar un parcial de 22-8 co que aos poucos lograran neutralizar o marcador. E así lograron chegar ao último cuarto, con seis puntos de diferenza que foron decisivos na vitoria a pesar dos intentos ata o último segundo do Estudiantes (57-52).

Desta forma, o podio formárono o Joventut Badalona, Casademont Zaragoza e SPAR Gran Canaria, cuarto foi o Movistar Estudiantes, quinto o Barça CBS A, sexto o Unicaja Andalucía, sétimo o Wintym Femení Sant Adrià e oitavo o Rivas Parque Sueste.

Claudia Lostal, do Casademont Zaragoza foi nomeada mellor xogadora do campionato e mellor xogadora da final ademais de ser a máxima anotadora e a máxima reboteadora. Trinity Mesamachakwu, do SPAR Gran Canaria, foi a máxima reboteadora.