O ITU Multisport Festival de Pontevedra, a un ano vista

Pontevedra
27 de abril 2018

Dúas bandeiras ondean desde este venres na cidade anunciando a conta atrás para o que será o maior evento deportivo que acollese a Boa Vila, o festival  multideporte que promove a Federación Internacional de Tríatlon e que traerá a Pontevedra ata cinco campionatos do Mundo en abril de 2019

Bandeira do ITU Multisport Festival 2019 na Praza de España
Bandeira do ITU Multisport Festival 2019 na Praza de España / PontevedraViva

A conta atrás comezou. Desde este venres falta menos dun ano para que Pontevedra acolla o maior evento deportivo da súa historia, en canto a repercusión e nivel  competititvo como a nivel de reto organizativo, o ITU Multisport Festival 2019 de Tríatlon.

Con motivo da efeméride, o Concello instalou dúas bandeiras conmemorativas do campionato que ondearán ata o inicio do mesmo, o 27 de abril de 2019, na Praza de España e na Ponte dos Tirantes.

O festival multideporte promovido pola Federación Internacional de Tríatlon (ITU) supoñerá a celebración en Pontevedra, do 27 de abril ao 5 de maio do próximo ano, dos mundiais de tríatlon de longa distancia, tríatlon cros, dúatlon, aquatlón e aquabike, nos que está previsto que participen preto de 4.000 deportistas.

Estes días o Servizo Municipal de Deportes traballa na organización dunha reunión do comité organizador que se celebrará en Pontevedra o próximo mes de maio, e nos que quedarán definidos diferentes aspectos do evento e avanzarase no seu orzamento final.

Este comité volverá reunirse o 12 e 13 de xullo en Dinamarca, onde se celebrará o ITU  Multisport Festival deste ano, cita na que unha delegación pontevedresa recollerá a bandeira oficial do campionato como símbolo da súa próxima organización.