Falta ano e medio para a súa celebración, pero Pontevedra xa puxo en marcha a maquinaria organizativa do ITU Multisport Festival de tríatlon, o maior reto ao que se enfrontou ata o momento ao traer á cidade os campionatos do Mundo de tríatlon cros, tríatlon de longa distancia, dúatlon, aquatlón e aquabike.
Aproveitando a presentación prevista do evento en Feira Internacional de Turismo (FITUR) o director do Servizo Municipal de Deportes, Jaime Agulló, acompañado doutros empregados públicos, mantivo un encontro en Madrid con representantes das federacións Española e Internacional de tríatlon.
Esta primeira reunión técnica centrouse en definir os detalles sobre os que pivotará a estratexia de comunicación e márketing do evento.
O obxectivo de todas as partes pasa por atraer a Pontevedra a deportistas que non compiten a primeiro nivel federativo ou o fan a nivel afeccionado, completando a inscrición que ofrecerán os triatletas profesionais xunto a familiares e seguidores.
En canto ás etapas de comunicación previstas, fixouse unha primeira fase ata o ITU Multisport Festival deste ano, que se celebrará na localidade danesa de Fyn, e outra a partir dese momento que se concentrará nos grandes acontecementos deportivos do tríatlon a nivel nacional e internacional.