O internacional xuvenil Álvaro Santos entra na órbita do Manchester City

Pontevedra
13 de xullo 2023

O atacante pontevedrés abandona a canteira do Celta e firma ata o 2026 co Lommel SK da segunda división belga e que pertence ao grupo empresarial do Manchester City

Álvaro Santos, nun partido coa Selección Española Sub-18
Álvaro Santos, nun partido coa Selección Española Sub-18

O prometedor futbolista pontevedrés Álvaro Santos continuará coa súa formación futbolística e académica en Bélxica. O atacante internacional sub 19 e sub 18 con España ficha polo Lommel SK, equipo que milita na segunda división belga e que forma parte do grupo empresarial do Manchester City.

O acordo fíxose oficial tras un acordo entre ambos os clubs, a través do cal o conxunto vigués se garda unha opción de compra. Pola súa banda, Santos que aínda ten un ano máis como xuvenil por diante, firma ata o ano 2026.

O pontevedrés compartiu unha mensaxe de despedida nas súas redes sociais agradecendo a aposta realizada polo Celta, ao que chegou procedente do Porteiro 2000. "O Celta foi a miña casa e a miña familia durante os últimos anos, un equipo que apostou por min e axudoume a crecer persoal e profesionalmente", indica.

O propio futbolista móstrase agradecido co Celta por comprender a súa situación e non poñer impedimentos á súa saída. "Toca empezar unha nova etapa, unha oportunidade única", remarca dando as "grazas ao club por comprendelo e axudarme a afrontar esta aventura".

No último ano, Álvaro Santos completou varios adestramentos co primeiro equipo do Celta e sumou un total de 10 goles co equipo xuvenil celeste de División de Honra.

O Lommel SK belga é o noveno club adquirido polo City Football Group, que o comprou no ano 2020 co obxectivo de posicionarse nunha das canteiras máis prolíficas do fútbol europeo como é o belga.

Os outros oito clubs que controla este armazón empresarial son, ademais do Manchester City en Inglaterra, o New York City (EE.UU), o Melbourne City (Australia), o Yokohama F Marinos (Xapón), o Montevideo City Torque (Uruguai), o Xirona (España), o Sichuan Jiuniu (Cina) e o Mumbai City (India).