O internacional chileno Francisco Latorre reforza a portería do Cisne

Pontevedra
09 de agosto 2024

Nacido en 2005, o porteiro destacou tanto a nivel nacional como internacional, emerxendo como unha das promesas do balonmán en Chile ao representar ao seu país en varias competicións internacionais importantes

Francisco Latorre, fichaxe do Cisne
Francisco Latorre, fichaxe do Cisne

O Club Cisne Balonmano ultima a planificación do plantel para a nova tempada coa fichaxe do porteiro internacional Francisco Latorre.

Nacido en 2005, o mozo chileno destacou tanto a nivel nacional como internacional, emerxendo como unha das promesas do balonmán en Chile ao representar ao seu país en varias competicións internacionais importantes.

De feito, Latorre participou no Mundial Xuvenil da IHF, disputou sete partidos no Mundial sub-19 de 2023 e foi convocado coa selección chilena absoluta.

O gardameta, que destaca pola súa gran embergadura (mide 1,95 metros), chega ao Cisne procedente do MET Handball Club, onde aterrou despois de xogar para o Italiano BM.

Para este novo curso, o Cisne volverá contar con Bruno Vázquez, Diego López, Javiva, Mateo Arias, Martín Santos, Román Arboleya, Manu Lorenzo, Gualther Furtado e André de Moura, e cos recentemente chegados Víctor Fernández, Iago Costas, Francisco Latorre e Dani Virulegio.