O Pontevedra Club de Fútbol volve a casa este domingo (17:00 horas) para enfrontarse a "un óso duro" como é o Guijuelo, "unha pedra de toque para saber no momento no que estamos" e contra o que os xogadores "están desexosos" de enfrontarse.
Trátase dun rival que mantén "a liña continuista do ano pasado" e buscará facer unha tempada similar á pasada, "é un equipo que o que fai faio moi ben, xoga sen complexos e vai vir a xogarnos de ti a ti e quererá levar a iniciativa do xogo", indica Yago Iglesias.
O adestrador sabe que esta fin de semana "imos ter un bo rival" e está "convencido" de que virán a Pasarón "coa moral polas nubes e con ganas de poñérnolo moi complicado, por iso espera que non ocorra como no resto de enfrontamentos e "deixen máis espazos para que sexa un partido máis aberto".
Neste sentido, o Pontevedra é un dos equipos que máis xera en campo contrario cunha media de 16 tiros a favor e cinco en contra, un balance malo a estas alturas porque "dos catro partidos que levamos o equipo foi dominador e xogou en campo contrario, pero xeramos moito, marcamos pouco, e xérannos pouco e marcan moito", insiste Iglesias.
Para el, os seus xogadores a pasada fin de semana volveron facer méritos para gañar "pero non tivemos a fortuna para darlle a volta ao marcador e a falta de acerto condenounos un pouco". É por iso que, para facer bo o punto conseguido en Cayón a pasada fin de semana, o conxunto granate "ten que gañar esta fin de semana e ser o Pontevedra de hai 15 días en Pasarón" e así "achegarnos aos postos nos que queremos estar e coller sensacións".
Para o partido do domingo ante o Guijuelo, Yago Iglesias contará con todos os seus efectivos salvo Barbeiro, que tal e como se confirmou esta semana tivo que ser intervido por unha lesión no xeonllo, e Borja Domínguez, que aínda que xa está a facer algunha cousa máis esixente deberá esperar un par de semanas para volver á competición.