O grupo de elite do tríatlon do CGTD concéntrase en Lanzarote

Pontevedra
29 de decembro 2020

Javier Gómez Noya e Antonio Serrat teñen previsto aterrar en Canarias o 6 de xaneiro, mentres que uns días máis tarde farao Pablo Dapena e o resto de integrantes do seu grupo de traballo

Javi Gómez Noya en Lanzarote xunto ao seu adestrador
Javi Gómez Noya en Lanzarote xunto ao seu adestrador

O grupo de adestramento de tríatlon do CGTD, encabezado polo pentacampeón do mundo Javier Gómez Noya, pon rumbo a Lanzarote. O laureado deportista ten previsto aterrar alí o 6 de xaneiro xunto ao vigués Antonio Serrat para preparar as competicións previas aos Xogos Olímpicos. Uns días despois uniráselles o pontevedrés Pablo Dapena e logo o resto de integrantes do equipo de elite xunto aos adestradores Carlos David Prieto e Jonathan Cancela. 

O centro de operacións do equipo pontevedrés, que permanecerá na illa, en principio, durante todo o mes de xaneiro, será o resort Sands Beach de Lanzarote.

O equipo aproveitará a súa estancia na illa para realizar intensas sesións de traballo físico e rodaxe polas estradas canarias. O obxectivo é preparar as próximas competicións da mellor forma posible, algo que o inverno galego complica polas baixas temperaturas e as choivas. 

Non é a primeira vez que os triatletas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva se concentran neste lugar. Xa o ano pasado permaneceron alí concentrados e o propio Dapena permaneceu na illa, primeiro cos seus compañeiros de Pontevedra e logo cos integrantes do seu equipo, durante todo o inverno e comezos da primavera.