Tres anos bastaron para ver consolidado o proxecto deportivo do Pontevedra Fútbol Gaélico, club que segue dando pasos para que creza a paixón por este deporte na cidade.
Actualmente a entidade deportiva conta con dous equipos nas ligas galegas, masculino e feminino, e deixou atrás os problemas de instalacións para adestrar e disputar partidos que se atopou cando daba os seus primeiros pasos.
Sen ir máis lonxe, a pasada fin de semana os seus equipos desafiaron ao mal tempo cunha dobre xornada no campo de fútbol de Príncipe Felipe.
Primeiro disputou o seu encontro o conxunto feminino, que se impuxo ao Auriense por 5-23 (38) a 2-11 (17) e segue a pelexar polo liderado na liga galega empatado co Fillas de Breogán, que conta cun partido menos. O próximo domingo (19:30 horas) intentará dar un paso máis no Grove, ante Mecas.
Pola súa banda o bloque masculino, que esta tempada loita por manterse na Primeira División autonómica, perdeu despois ante un dos aspirantes ao título, o Irmandinhos da Estrada, por 1-04 (7) / 14-11 (53).
Ademais o club pontevedrés achega estes días xogadores á Selección Galega, que se prepara para un encontro amigable ante a Selección Francesa. Concretamente acudirán aos adestramentos do combinado autonómico previstos estes días Gonzalo Cerviño no equipo masculino e María Crespo, Carme Reboreda, Nuria Tilve e Cristina Magariños no feminino.