O Froiz suma o seu primeiro triunfo sen empezar a tempada

Pontevedra
08 de decembro 2020

Co ciclismo en Europa aínda de pretemporada á espera de que arrinque o novo ano, o conxunto pontevedrés sumou o seu primeiro triunfo alén das atlántico grazas ao arxentino Nicolás Antorena

Nicolás Antorena no Encontro de Ciclistas de Paraná
Nicolás Antorena no Encontro de Ciclistas de Paraná / Grupo Deportivo Supermercados Froiz

O ciclismo en España e Europa está aínda descansando da atípica tempada recentemente concluída, empezando a preparar o que será o curso 2021. Moitos equipos de feito están a definir o seu plantel, e mentres tanto o Grupo Deportivo Supermercados Froiz xa sumou o seu primeiro triunfo. 

Fíxoo alén do Atlántico, en Arxentina, ata onde se desprazou un dos corredores da escuadra pontevedresa, precisamente de nacionalidad deste país sudamericano, para aproveitar o bo clima destas datas na súa terra de orixe.

Trátase de Nicolás Antorena, que prepara o que será o seu segundo ano no Froiz e que lle deu xa unha alegría ao vencer no Encontro de Ciclistas de  Paraná, primeiro competición nesta comarca arxentina en 9 meses debido á pandemia.

Antorena impúxose nunha circuitada, con 40 voltas a un percorrido de 3 quilómetros, marchándose en solitario nas últimas 5 voltas.

Un triunfo anecdótico pero que serve para empezar con bo pé a un ciclista que está chamado a ser unha das armas do Supermercados Froiz en 2021 para a Copa de España.