Pablo Alonso e o Grupo Deportivo Supermercados Froiz recuperan sensacións na Copa de España Elite e Sub-23, superando a complicada xornada recente no Memorial Valenciaga.
Fixérono cun noveno posto do corredor alimenticio na Clásica Ciudad Torredonjimeno, terceira cita do calendario, que coloca o líder do Froiz na décima posición da xeral con 106 puntos, aínda que lonxe dun líder como Marc Brustenga (Caja Rural) que se destaca con 240 puntos tras asinar un segundo posto en Xaén.
En canto á carreira, o conxunto pontevedrés foi protagonista da xornada en Torredonjimeno, xa que ao non meter a ningún representante na primeira escapada de 17 corredores súa foi a responsabilidade de organizar o traballo de caza e captura.
Tras unha longa persecución o Froiz conseguía botar abaixo a fuga, o que permitiu ao seu corredor Ramón Fernández meterse nun grupo de 10 unidades que saltou do grupo a 20 quilómetros de meta. Un deles, Timo de Jong (Telcom), demostrou ter as mellores pernas ao conseguir marchar en solitario cara ao triunfo final, con 55 segundos de vantaxe sobre un pelotón que chegou a cazar ao resto de compañeiros de fuxida. No sprint final Alonso coouse no noveno posto e Fernández entrou no posto 26.
A seguinte parada da Copa de España non se fará esperar coa X Clásica de Valladolid Memorial Ángel Lozano que se disputa o próximo 25 de abril.