O Froiz consolida o seu bo momento nunha semana maratón na Copa Galicia de Ciclocrós

Pontevedra
12 de decembro 2022

O certame autonómico afrontou catro probas en seis días, nas que destacaron varias actuacións de ciclistas do equipo pontevedrés

Copa Galicia de Ciclocrós en Nigrán
Copa Galicia de Ciclocrós en Nigrán

A Copa Galicia de Ciclocrós viviu a última semana o seu particular maratón, con ata catro citas puntuables en seis días afrontando a recta final da competición.

Nesa particular serie, e a falta só dunha proba máis (Culleredo o 31 de decembro), o equipo do Grupo Deportivo Supermercados Froiz mantivo o tipo, destacando especialmente en categoría feminina.

De feito en Ponteareas, na carreira que pechaba o maratón, as súas ciclistas coparon o podio con triunfo da sub-23 Laura Mira, seguida da júnior Uxía Soto a 15 segundos e coa xuvenil Aroa Otero terceira. Un día antes en Nigrán investiuse a orde con Uxía Soto en primeira posición, Aroa Otero segunda e Laura Mira terceira.

Uns resultados que achegan unha dose extra de confianza de fronte ao peche da Copa de España, na que tanto Uxía Soto como Aroa Otero contan con posibilidades de levar o liderado. 

Pola súa banda Gonzalo Inguanzo, que si marcha líder no certame nacional, disputou a fin de semana con Miguel Rodríguez o CX Igorre de categoría internacional no País Vasco, asinando un terceiro e un sétimo posto respectivamente.