O Froiz comparte coa Deputación o "momento apoteósico" que supuxo triunfo no Campionato de España

Pontevedra
08 de setembro 2020

O responsable provincial de Deportes puxo en valor a todo o equipo Supermercados Froiz e os éxitos que está a conseguir nun ano tan complexo e aproveitou para anunciar a continuidade do patrocinio ao equipo pontevedrés

Samuel Blanco (Froiz) entrega á Deputación a camisola de campión de España
Samuel Blanco (Froiz) entrega á Deputación a camisola de campión de España / Mónica Patxot

Samuel Blanco, recente campión de España de ciclismo en ruta en categoría elite, protagonizou este martes unha recepción oficial na Deputación de Pontevedra.

O ciclista redondelano do Grupo Deportivo Supermercados Froiz entregou unha réplica da súa camisola de campión ao deputado provincial Gorka Gómez.

"Este triunfo foi un momento apoteósico e quixemos compartir a felicidade que sentimos coa Deputación, que sempre nos apoia", explicou no acto o director do equipo pontevedrés, Evaristo Portela.

O deputado provincial pola súa banda puxo en valor a todo o equipo do Froiz e ao seu rendemento nun ano tan complexo como o actual debido á pandemia, e aproveitou para anunciar a continuidade do patrocinio da institución coa escuadra alimenticia.

En canto ao protagonista deportivo, Samuel Blanco cualificou a súa vitoria no campionato nacional como un "triunfo traballado" e a pesar da súa recente  caída en Cantabria fixou o que será o seu seguinte obxectivo, conseguir vencer na Volta a Galicia.