O francés Leo Van Gysel seguirá no Bádminton Ravachol

Pontevedra
26 de xuño 2024

O subcampión nacional de Francia de 2024, de 22 anos de idade, afrontará a súa terceira campaña nas filas do Bádminton Ravachol Pontevedra

Leo Van Gysel e Georgina Bland, xogador do Bádminton Ravachol
Leo Van Gysel e Georgina Bland, xogador do Bádminton Ravachol / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

Manter o bloque que alcanzou as semifinais polo título de liga na División de Honra é unha das prioridades do Club Bádminton Ravachol Pontevedra, e nesas está o conxunto pontevedrés.

Así, tras renovar ao seu capitán Gabriel Fernández e á elixida como mellor jugadra da liga o último ano Georgina Bland, agora o Ravachol confirmou a continuidade doutro dos seus xogadores internacionais, o francés Leo Van Gysel.

O subcampión nacional de Francia de 2024, con só 22 anos, afrontará así o seu terceiro curso no primeiro equipo pontevedrés.

Unha renovación que se produce a pesar de que nos últimos meses non puido ir convocado de maneira habitual debido á necesidade do Ravachol de reforzar o equipo feminino e estar limitada a cota de estranxeiros que poden actuar de maneira simultánea.

Aínda así "Leo é un deses xogadores que nos gusta ter no equipo, é comprometido e sempre está disposto a achegar, aínda que as circunstancias non sempre nos permiten poder dispoñer del. Nestes anos demostrou ser un seguro de vida no individual, e tamén fixo achegas en probas que non son a súa especialidade. Estamos felices de seguir contando con el e esperamos que sexa por moitos anos", explica o director deportivo do Ravachol, Jesús Pereiro.

Ademais das renovacións, o responsable do Bádminton Pontevedra avanza que se están a negociar "algunhas fichaxes" co obxectivo de conseguir un salto máis de calidade no persoal.