O Farto-BTC, un equipo sólido na Volta a Portugal

Pontevedra
19 de setembro 2023

Ariadna Gutiérrez foi a mellor clasificada na xeral da rolda portuguesa e o conxunto pontevedrés logrou a cuarta praza por equipos

Ciclistas do Farto-BTC na Volta a Portugal
Ciclistas do Farto-BTC na Volta a Portugal / Federação Portuguesa de Ciclismo

Recta final na tempada do Farto-BTC no pelotón ciclista internacional feminino.

O equipo pontevedrés UCI Continental finalizou a súa participación na Volta a Portugal, disputada entre o 13 e o 17 de setembro, cun gran sabor de boca a pesar de non poder celebrar un triunfo de etapa que estivo preto.

Ariadna Gutiérrez foi a mellor clasificada do Farto na xeral, ao ser sétima a só 1 minuto e 17 segundos da vencedora, a rusa Valeria Valgonen (Massi-Tactic). Ademais a escuadra galega foi cuarta na clasificación por equipos.

Foi na terceira e cuarta etapa da ronda lusa na que o Farto gizó de maior protagonismo, primeiro ao coller as rendas da carreira coa chegada da montaña chegando a meter a tres corredoras nunha fuga de doce que levou máis dun minuto de vantaxe co pelotón, e na cuarta xornada filtrando a Martina Montero e a Ariadna na fuga boa e disputando o triunfo parcial, cun quinto e sexto posto en meta respectivamente.

"Tentamos todas as bazas que tiñamos e ímonos contentas a pesar de non poder celebrar un triunfo de etapa", sinalou a mexicana Ariadna Gutiérrez tras a competición. "Só nos faltou un pouco de sorte para poder chegar a meta cando seleccionamos o grupo", afirmou á súa vez a súa compañeira Martina Montero.

Pola súa banda o mánager do equipo, Brais Dacal, explicou que "viñamos coa difícil tarefa de render tras competir no Tour de l'Ardèche con só un día de descanso e conseguímolo. Imos sen remorsos, loitamos ata o final".

O Farto-BTC ten previsto pechar a súa tempada a próxima fin de semana coa disputa dunha carreira nacional na localidade pontevedresa de Oia.