Un Campionato de Europa de Ciclocrós libre e gratuíto para todos os espectadores.
É a aposta de Pontevedra de cara ao Europeo que se celebrará do 1 ao 3 de novembro.
Pode resultar unha obviedade para algúns ao tratarse dun evento que terá lugar na Illa das Esculturas e ante a experiencia previa con campionatos de España e outras competicións desta especialidade ciclista, así como doutros deportes como a Gran Final das Series Mundiais. Con todo non é habitual nas grandes citas do ciclocrós internacional.
Sen ir máis lonxe a recente Copa do Mundo de Benidorm, así como as probas de maior prestixio de Europa ou Estados Unidos, requiren de compra de entradas para acceder aos recintos ou a puntos destacados do circuíto.
Esta decisión de Pontevedra garantirá unha alta presenza de espectadores nun dos grandes eventos deportivos do ano 2024 na Boa Vila, un Campionato de Europa que ademais das carreiras elite, sub-23 e júnior tanto feminina como masculina, contará por primeira vez coa categoría máster augurando unha alta participación de deportistas.