O estadounidense Sounders reforza o xogo exterior do Peixe Galego

Marín
02 de setembro 2019

O escolta, procedente da Universidade de  Wagner coa que participou na  NCAA,  promedia máis de 16 puntos, 7 rebotes e 3 asistencias por partido. Ocupa a primeira das dúas fichas de extracomunitarios que permite o regulamento

O escolta estadounidense Romone Sounders ficha polo Marín Ence Peixe Galego
O escolta estadounidense Romone Sounders ficha polo Marín Ence Peixe Galego / Wagner Athletics

O Marín Ence Peixe Galego apontoa o seu xogo exterior coa fichaxe do escolta estaounidense Romone Sounders. Procedente da Universidade de Wagner, coa que participou na conferencia nordés da primeira categoría da liga universitaria do país norteamericano ( NCAA), este xogador nado no 1995 promediou no seu último ano 16,5 puntos por partido, 7,2 rebotes e 3,2 asistencias.

Natural de Maryland, Sounders foi unha das pezas claves do seu equipo e as súas cifras non fixeron máis que mellorar cada tempada. O escolta participou no último draft da NBA pero non resultou seleccionado, co que se converteu en axente libre para poder asinar o seu contrato profesional co Peixe Galego. "Grazas a deus pola oportunidade de empezar a miña carreira profesional en España, tamén agradezo ao Peixe Galego por permitirme formar parte do seu persoal. Estou ansioso por chegar para poñernos en marcha e empezar a facer historia", publicou no seu perfil de Twitter.

En portais especializados no mercado estadounidense definen a Sounders como un gran pasador e con facilidade para capturar rebotes.  Ademais, a súa  chegada permitirá a Javi Llorente dispor dun recambio de garantías para alternar co dominicano Joel Hernández, contra o que Sounders competiu na última tempada. Coa súa fichaxe, o cadro da Raña ocupa a primeira das dúas fichas para estranxeiros que permite o regulamento. A dirección deportiva continúa peiteando o mercado para pechar un especialista no xogo interior que podería chegar tamén da outra beira do Atlántico.

O plantel de Javi Llorente iniciou a pasada semana os adestramentos e este mércores disputará o seu primeiro partido de preparación na Raña a porta pechada. O primeiro duelo que poderá presenciar a afección marinense terá lugar o día 7 contra o Leyma Coruña na primeira rolda da Copa Galicia que este ano volve organizar o equipo de Marín.