O espírito olímpico percorre Pontevedra

Pontevedra
24 de xuño 2015

A cidade de Lérez acolle a celebración do Día do Olimpismo Galego cunha serie de actividades dirixidas a nenos e un acto institucional no que se homenaxeou ao xornalista Emilio Navaza

Día do Olimpismo Galego
Día do Olimpismo Galego / Daniel Santomé

Aínda que foi por só por un día, o espírito olímpico estivo moi presente nas rúas de Pontevedra durante este martes coa celebración do Día do Olimpismo Galego.

Os centros de estudos olímpicos da Universidade de Vigo, A Coruña e Santiago e a Academia Olímpica Española organizaron unha xornada inspirada no Olimpic Day que promove o Comité Olímpico Internacional.

Tratábase de promover os valores olímpicos e fomentar a práctica deportiva a través de diversas actividades, que comezaron cunha clase de zumba dirixida a nenos de entre 6 e 16 anos.

Tras esa clase, desenvolvida no Pavillón Universitario, esta instalación e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva acolleron unha sesión de iniciación a deportes olímpicos, coa presenza de deportistas que participaron en Xogos, como Begoña Fernández (balonmán en Londres 2012) ou Juan Guntín (loita en Seúl 1988), ademáis de personaxes do mundo do deporte como o adestrador do Teucro, Quique Domínguez, entre outros.

Tras unha marcha olímpica dos participantes ata a praza de Curros Enríquez e unha charla de Conrado Durántez, presidente Academia Olímpica Española, a xornada pechouse cun acto institucional no que se homenaxeou ao xornalista Emilio Navaza entregándolle a medalla Pierre de Coubertain.