O espírito de Cholo descansa para sempre no seu querido Pasarón

Pontevedra
05 de maio 2022

Os familiares máis próximos do eterno capitán do Pontevedra do 'Hai Que Roelo', acompañados da presidenta do club Lupe Murillo, depositaron este xoves nun sinxelo acto parte das cinzas de Cholo no centro do terreo de xogo do Estadio Municipal de Pasarón

Familiares de Cholo depositan parte das súas cinzas no círculo central do Estadio Municipal de Pasarón
Familiares de Cholo depositan parte das súas cinzas no círculo central do Estadio Municipal de Pasarón / Pontevedra Club de Fútbol SAD

O Estadio Municipal de Pasarón contará para sempre ao seu lado con Eduardo Dapena Lis 'Cholo', o seu eterno capitán e lenda do 'Hai Que Roelo'.

Desde o centro do terreo de xogo o que era tamén presidente de honra da entidade, falecido o pasado 27 de marzo aos 88 anos de idade, seguirá empuxando ao equipo dos seus amores, e é que alí repousan desde este xoves parte das súas cinzas.

Foi un acto sinxelo, ao que só asistiron os seus familiares máis próximos e a presidenta granate, Lupe Murillo, celebrado a última hora da tarde.

Unha homenaxe sentida e merecida a unha figura que se converteu en símbolo de xeracións defendendo en 300 partidos de liga a elástica granate coincidindo coa época de maior éxito da súa historia.