O Pontevedra Club de Fútbol efectuou o pasado verán un importante esforzo económico para poñer fin aos problemas que afectaban o terreo de xogo do Estadio Municipal de Pasarón, renovando por completo o seu céspede.
Agora, só tres meses despois, as constantes e intensas choivas das últimas semanas unidas ao uso competitivo do estadio afectaron negativamente o tapete, que deixou de ser a alfombra inmaculada de principio de tempada, pero é que poucas instalacións poderían ter soportado o nivel de auga caída no mes de outubro.
A situación preocupa na entidade granate, sobre todo mirando cara a un inicio de decembro que ten marcada en vermello unha cita, o partido da Selección Española fronte a Italia correspondente á quinta xornada da UEFA Women's Nations League.
Este encontro das campioas do mundo, previsto para o 1 de decembro, fará que a Real Federación Española de Fútbol asuma o mantemento da herba de Pasarón tres días antes e tres despois do partido internacional, coa súa propia empresa especializada, pero o seu uso será intensivo durante toda a semana, de aí a preocupación sobre todo se volven aparecer as choivas.
Ao tratarse dunha competición oficial, está previsto que tanto a Selección Española como a italiana adestren polo menos unha xornada no Estadio Municipal de Pasarón, ao que se sumará o propio choque do día 1 de decembro. A iso engádese dous días despois o derbi de Segunda RFEF entre Pontevedra e Compostela do domingo 3 de decembro (17.00 horas).
Toda unha proba definitiva para comprobar o aguante dun céspede que ao fin, tras moitos anos, ofrecía ata o de agora boas sensacións.