O equipo infantil do CW Pontevedra imponse no autonómico máis disputado

Pontevedra
21 de marzo 2023

O conxunto lerezano venceu en primeira rolda por penaltis ao outro favorito do cadro, o CW Santiago, nas eliminatorias posteriores avanzou con autoridade para alzar o título

Equipo infantil mixto do CW Pontevedra
Equipo infantil mixto do CW Pontevedra / CW Pontevedra

O equipo infantil mixto do Club Waterpolo Pontevedra conseguiu o pasado sábado 18 de marzo un novo título para as vitrinas do club. O trofeo do Campionato Galego Infantil Mixto de Inverno, disputado na piscina do CD Javier Gómez Noya de Ferrol.

Non o tiveron fácil, pois desde o partido de cuartos de final o CW Pontevedra tivo que esforzarse ao máximo para lograr o obxectivo. No primeiro partido da mañá, tras un bo madrugón, o CW Pontevedra medíase en cuartos ao CW Santiago, nun complicado partido que se presentaba como a gran final anticipada polos resultados que veñen dando na liga galega. E é que os lerezanos son os actuais líderes, cun partido máis que o CW Santiago, único equipo que venceu aos do Lérez ata o momento. Como estaba previsto, viviuse un duelo moi igualado, tanto que se decidiu na quenda de penaltis. 

O CW Pontevedra tivo máis fortuna e clasificouse para as semifinais, onde esperaba o CW Coruña Rías Altas, nun partido máis cómodo que se saldou cun 10-0 para o equipo das Rías Baixas.

Na final medíronse ao equipo anfitrión, o Club Mariña Ferrol. Un equipo sempre competitivo e complicado de gañar. Pero o CW Pontevedra fixo un bo partido para lograr unha vitoria final por 12-8 que lle outorgaba o título de campión galego de inverno.