O equipo feminino do Club Waterpolo Pontevedra recollerá este sábado en Mos o Premio Mulleres FEMUPO 2023, que a Federación pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) entregaralles na gala do Auditorio de Torroso, ás 20:30 horas.
FEMUPO outorga cada ano os seus premios “Mulleres FEMUPO”, que “recoñecen o traballo a prol da igualdade de xénero e o apoderamento das mulleres en diferentes eidos como o social, o cultural, o deportivo e o laboral”.
No apartado deportivo, a asociación quere recoñecer o labor do Club Waterpolo Pontevedra co deporte feminino, tanto polo ascenso a competición nacional, como pola gran tempada que están a facer en Primeira Nacional e a promoción do deporte feminino.
Xunto ao Club Waterpolo Pontevedra, tamén están galardoadas Cantareiras Medialeva, CIM de Mos e Diana Lameiro, directora do centro Lingoreta.