Pode un equipo de Segunda RFEF competir nunha categoría superior con garantías? O Pontevedra Club de Fútbol está a demostrar que a diferenza coa Primeira RFEF, aínda que importante, non é decisiva.
Nas catro primeiras xornadas de liga Antonio Fernández tirou do equipo do ascenso nas súas aliñacións, e o rendemento dos granates está a ser positivo, rascando empates ante dous dos claros favoritos ao ascenso como o Alcorcón e o Deportivo e gañando ao recentemente chegado Talavera, co único lunar da derrota no campo do San Sebastián de los Reyes a pesar da boa imaxe mostrada.
A continuidade do bloque que dominou o seu grupo en Segunda RFEF permitiu ao técnico apoiarse nos xogadores importantes do pasado curso buscando un axuste e uns automatismos xa adquiridos entre os futbolistas. De feito ata a data só un das fichaxes, Ángel Bastos, consolidouse no once inicial en substitución do lesionado Seoane. Ao lateral súmaselle Jon Bakero cunha titularidade, ante o Sanse.
O resto de titulares xa estaban no equipo o curso pasado. Cortés en portería; Soto e Churre na zaga; Román e Yelko na sala de máquinas; Álex González e Brais Abelenda foron da partida nos catro encontros, mentres que Charles e Oier Calvillo saíron de fronte en tres ocasiones, Rubio e Samu Araújo en dous e Rufo nun partido.
No resparto de minutos catro homes xogárono absolutamente todo, como son Cortés, Bastos, David Soto e Churre, cun total de 360 minutos, seguidos de Álex González (349), Brais (334), Yelko (313) e Miguel Román (305), os únicos que superan a barreira dos 300 minutos de xogo.
O once de Segunda RFEF rende, aínda que para competir con garantías na Primeira RFEF faise necesaria unha maior profundidade de banco, algo que parece gañar o cadro granate, que nota menos que a liga pasada os cambios, e é que cando Antonio decide mover a árbore do banco aparecen xogadores consolidados e con traxectoria en categorías importantes como Borja Domínguez, Mario Ortiz ou Jon Bakero, ademais dun Rufo que en tres ocasiones participou desde o banco de suplentes. Outro que participou é o mozo Libasse Guèye.
Non se estrearon de momento, ademais dos lesionados e canteiráns, os fichados Luís Martínez, Álex Mosogo e o gardarredes Nikolov. A todos chegaralles a súa oportunidade, pero xogar agora mesmo no Pontevedra cotízase caro.