O Torneo Intercentros Penitenciarios – Copa RFEF 2023 ten novo campión. Trátase do Centro Penitenciario da Lama, que se impuxo este venres aos representantes do Centro de Alxeciras na quenda de penaltis tras un encontro onde predominou a igualdade.
O encontro disputouse na Ciudad del Fútbol de Las Rozas e durou 50 minutos regulamentarios, divididos en dúas metades de 25 e cun descanso de 15. Adiantáronse primeiro os de Pontevedra, igualaron rapidamente os andaluces e, posto que ningún equipo logrou desfacer o empate, chegouse á quenda de penaltis, onde se impuxo o equipo da Lama.
Estes centros chegaron á final tras superar diversas eliminatorias intercentros, nunhas fases previas nas que as federacións de ámbito autonómico xogan un papel de coordinación cos centros penais de toda España e buscan contribuír, a través deste deporte, á reinserción das persoas recluídas a través do traballo o equipo, a asunción de normas, o respecto ao adversario e o espírito de esforzo.
A competición arrincou o 12 de abril en Badaxoz coa participación de 43 centros de 16 federacións territoriais e desenvolveuse nunha primeira fase entre os centros de Castela - A Mancha, Andalucía, Madrid, Cantabria, A Rioxa, Navarra, Galicia, Murcia e Comunidade Valenciana. Esta fase permitiu a clasificación destes centros para a fase final, que disputaron as súas semifinais en Madrid e en Antequera.
Este torneo de fútbol 8 é froito do convenio que une á Real Federación Española de Fútbol e á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, dependente do Ministerio de Interior; e conta coa colaboración das diferentes federacións de fútbol de ámbito autonómico.
Os equipos de fútbol 8 teñen un máximo de 15 xogadores na convocatoria; e, nalgún deles houbo xogadoras como Massiel, que este venres representaba á Lama na final do torneo. "Estando nun sitio tan duro sacas cousas moi boas como esta. Para min é a experiencia máis bonita da miña vida", sinalou.