Recuperada a actividade co inicio de curso no mes de setembro, aínda que limitada ao vaso pequeno de 25 metros, o Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños segue á espera de poder completar o seu proceso de reapertura para os clubs e deportistas federados da cidade.
Unha vez levantada a prealerta de abastecemento de auga tras as últimas choivas e finalizadas as obras de mantemento realizadas na instalación, a Fundación Rías do Sur espera agora por un último aspecto antes de acometer o enchido do vaso da picina olímpica
"Estamos a esperar a que ENCE nos diga cando nos pode dar enerxía calorífica", recoñece o presidente da Fundacion Rías do Sur, Héctor Vilariño.
Por ese motivo mírase de esguello á fábrica pasteira e á volta ao seu traballo, porque mentres non se garanta o quecemento da instalación "sería encher para estar a tratar a auga inúltilmente", afirma o responsable da Fundación.
"No momento que nos poidan achegar enerxía nós encheremos o vaso", incide Vilariño coa esperanza de que "esta semana nos poidan dicir cando", aínda que non se prevé o enchido en todo caso "nin esta semana nin para a seguinte".
O que si finalizaron son as obras de mantemento acometidas durante as últimas semanas. "Tanto o sistema hidráulico como o encintado do vaso está listo. Quédanos unha pequena mellora da climaticación pero nada máis", o que non afectaría ao enchido no momento no que se garanta contar coa enerxía necesaria. Só así poderá recuperar a actividade plena unha instalación cualificada como de estratética para o deporte pontevedrés.