O empeño de Melania Rodríguez por converterse en olímpica: "Nunca o vira tan preto"

Pontevedra
21 de abril 2022

Aos seus 21 anos, a deportista do Ximnasia Pontevedra-Burgas Ourense traballa no Centro Galego de Tecnificación Deportiva coa ilusión de clasificarse para os Xogos de París 2024, algo que conseguiría na modalidade de ximnasia trampolín de repetir o próximo ano o resultado conseguido no último mundial, no que foi sétima 

Melania Rodríguez, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva
Melania Rodríguez, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva / Mónica Patxot

Aos seus 21 anos, Melania Rodríguez traballa a diario no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) coa ilusión de clasificarse para os Xogos Olímpicos de París 2024, algo que conseguiría na modalidade de ximnasia trampolín de repetir o próximo ano o resultado conseguido no último mundial, no que foi sétima.

"Para min foi incrible, foi como un plus de motivación. Para nada era o meu obxectivo ou expectativas, o meu obxectivo era meterme na semifinal, e de súpeto véxome entre as oito mellores. Iso é brutal, se fago iso o ano que vén é clasificación olímpica directa, e paréceme unha burrada, nunca o vira tan preto, está a axudarme a seguir adestrando", explica a PontevedraViva a deportista do Ximnasia Pontevedra-Burgas Ourense sobre o resultado conseguido en novembro en Bakú, Acerbaixán.

"Ademais foi como un plus de seguridade á hora de competir porque eu en trampolín levaba moitísimos campionatos fallando, non completaba os exercicios, e de súpeto completo catro seguidos que son os que tiven que facer, e é unha motivación total. Despois a seguinte competición vou e fallo? Si, non pasa nada, pero xa sei que o podo facer", explica.

Foi un salto de calidade cara adiante moi importante nunha modalidade, o trampolín, no que existe unha dura competencia. Melania ademais compite en dobre minitramp (DMT), disciplina que non é olímpica como o trampolín pero na que foi bronce no último Mundial absoluto e prata en 2018, ademais de campioa mundial júnior

Polo momento, nun ano aínda non clasificatorio para as olimpíadas, a pontevedresa repártese entre as dúas especialidades, xa que no DMT converterase na primeira ximnasta feminina española que tomará parte nos prestixiosos World Games que terán lugar en xullo en Birmingham (Estados Unidos). "Para min é incrible ir, porque levo desde 2019 pensando que non ía ao non estar clasificada, pero ao non competir Rusia e China darse de baixa entra España que estaba de segunda reserva", relata.

Esa cita chegará despois de  paticipar no Campionato de Europa previsto do 1 ao 5 de xuño en Rimini (Italia) e nunha Copa do Mundo na mesma localidade días antes, nun ano no que tamén figura marcado en vermello no calendario o Campionato do Mundo (16-19 de novembro en Sofía, Bulgaria), competicións nas que aspira a todo sobre todo ante a ausencia dalgunhas rivais a priori de maior nivel como son as ximnastas rusas. "Que non compitan aumenta moito a posibilidade de facer un bo posto, sobre todo por equipos", analiza.

Esa é a súa folla de ruta para a presente tempada, de transición para asaltar en 2023 a clasificación para os Xogos, algo que podería conseguir con boas actuacións nas Copas do Mundo ou no Mundial. En todo caso, a súa mocidade aválaa para seguir tentándoo mentres o corpo aguante. "A miña meta é chegar a unha Olimpíada, se a esta non chego a miña idea é seguir. Se a esta chego, seguramente siga, pero iso non o sei", explica Melania Rodríguez cunha mestura de bo humor e de determinación, imprescindible para alcanzar un reto de semellante magnitude.

"A miña meta é chegar a unha Olimpíada, se a esta non chego a miña idea é seguir"

Farao, iso si, desde Pontevedra e co seu adestrador desde hai moitos anos, o tamén pontevedrés Pablo Hinojar, seleccionador nacional de dobre minitramp. "Eu agora non me movo de aquí", defende, e é que "é moito máis importante para min a confianza no adestrador que o material, prefiro mil veces adestrar aquí que se cadra nun Centro de Alto Rendemento con outros adestradores".

Iso non esconde unha vella reivindicación dos ximnastas de Pontevedra, a de contar cunha instalación adaptada á súa práctica deportiva. "Estaría súper guay que nos fixesen un pavillón", defende, aínda que desde a inclusión da ximnasia no CGTD "cóidannos moito. É moito máis cómodo adestrar aquí que onde o faciamos na Xunqueira". Mentres iso non sucede non queda máis remedio que pasar breves estancias no Centro de Alto Rendemento de Barcelona, unha pequena peaxe a pagar para pelexar polo seu soño.