O dominicano Joel Hernández, sétima peza para o proxecto do Peixe Galego en LEB Ouro

Marín
30 de xullo 2019

Internacional absoluto pola selección dominicana, Hernández conta cunha importante traxectoria na liga universitaria norteamericana (NCAA), onde alcanzou de media na súa última campaña 20.5 puntos, 5.8 rebotes e 2.6 asistencias por partido

Anuncio da fichaxe de Joel Hernández polo Peixe Galego
Anuncio da fichaxe de Joel Hernández polo Peixe Galego

Máis madeira para o Peixe Galego, que no seu segundo proxecto na liga LEB Ouro quere conseguir a permanencia na categoría.

O conxunto marinense anunciou este martes ao que é a sétima peza confirmada para a próxima tempada, coa fichaxe de Joel Hernández.

O xogador, nacido en Estados Unidos e de orixe dominicano, pode actuar de aleiro e escolta e reforzará o lanzamento exterior do equipo. Conta, aseguran desde o club con "grandes fundamentos e cunhas notables condicións atléticas. Con moita capacidade para tirar e penetrar".

Hernández provén de Corea do Sur, onde gozou da súa primeira experiencia profesional tras terminar os seus estudos, aínda que anteriormente protagonizou unha importante carreira na liga universitaria norteamericana (NCAA).

No seu último ano nas finais dos Blackbirds da universidade de Long Island Brooklyn, foi un dos artífices de que o seu equipo chegase á fase final da NCAA con medias de 20.5 puntos, 5.8 rebotes e 2.6 asistencias por partido. Ademais é internacional absoluto coa selección dominicana.

Joel Hernández únese desta forma a un plantel na que xa figuraban Tai Badmus, Rodrigo Seoane, Álex Mazaira, Orellano, Carlos Noguerol e Jacobo Díaz.