Kevin Presa está a un paso de pechar a súa fichaxe polo UCAM Murcia do Grupo IV da Segunda División B.
O canteirán granate, peza clave no equipo nos últimos anos nos que se confirmou como un home forte na categoría de bronce, anunciou ao final de tempada ao club a súa intención de escoitar ofertas para tentar dar o salto á Segunda División e buscar novos retos profesionais.
As súas pretensións levaron ao Pontevedra a mostrar o seu interese en que continuase pero sen chegar a presentar unha oferta concreta, e unha vez pasado o prazo dado ao resto de xogadores para meditar sobre o seu futuro Lupe Murillo, na rolda de prensa dada a finais da pasada semana sinalou que tanto Kevin como Adrián León estaban "fuera del club".
Agora, tras valorar as súas opcións, o centrocampista de Ponteareas está moi preto de recalar nun dos clubs de Segunda B candidato ao ascenso de categoría, o UCAM Murcia. Así o confirmou o propio director deportivo do conxunto murciano, Pedro Reverte, este mércores na rolda de prensa de presentación do dianteiro Christian Perales, ex do San Sebastián de los Reyes.
"Tenemos muchísimo interés en él, hemos pasado propuesta y vamos a intentar a ver si podemos cerrarlo para que esté aquí con nosotros", recoñeceu Reverte, sinalando que "ahora mismo lo único que lo tiene un poco parado es el tema de Pontevedra".
Kevin "es un jugador que tiene muchas ofertas", engadiu o director deportivo, que con todo a preguntas dos xornalistas terminou afirmando que o futbolista pontevedrés "nos ha dicho que si sale a jugar en 2ªB va a venir a UCAM".
Desta forma está a piques de pechar unha etapa de seis tempadas de Kevin Presa no primeiro equipo do Pontevedra, ao que ascendeu mediado o curso 2013/2014. Desde entón xogou co conxunto granate 183 partidos de liga (regular + play-off) chegando a anotar 9 goles e converténdose nunha das referencias da bancada de Pasarón