A pretemporada do Pontevedra Club de Fútbol ponse en marcha.
Os futbolistas do primeiro plantel granate están citados o vindeiro luns 22 de xullo para iniciar os adestramentos ás ordes de Yago Iglesias, o que deixa xusto seis semanas de preparación ao equipo antes do debut ligueiro na Segunda RFEF previsto para a fin de semana do 31 de agosto e 1 de setembro.
Antes desa primeira sesión de traballo, os xogadores someteranse a un recoñecemento médico no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez entre o xoves e o venres.
Serán os primeiros pasos do novo proxecto granate, que se presentará ante a súa afección cunha gran cita sen apenas adestramentos ás súas costas, e é que o Pontevedra anunciou o que será o seu primeiro amigable estival, e non será outro que o Real Club Deportivo.
O equipo coruñés, recentemente ascendido á Segunda División, visitará o Estadio Municipal de Pasarón o vindeiro sábado 27 de xullo ás 20.00 horas.