O deporte pontevedrés, "un piar estratéxico para o turismo e o benestar social"

Pontevedra
28 de outubro 2023

A provincia de Pontevedra celebrou este venres a súa gala provincial do deporte na Estación Marítima da Autoridade Portuaria de Vigo, onde o presidente da Deputación, Luis López, situou o deporte como un "piar estratéxico para o goberno provincial pola seu potencial para facer ir a máis a provincia tanto en materia de turismo como de benestar social"  

Luis López. presidente da Deputación, na gala provincial do deporte 2023
Luis López. presidente da Deputación, na gala provincial do deporte 2023 / Deputación de Pontevedra

A provincia de Pontevedra celebrou este venres a súa gala provincial do deporte na Estación Marítima da Autoridade Portuaria de Vigo, onde o presidente da Deputación, Luis López, situou o deporte como un "piar estratéxico para o goberno provincial pola seu potencial para facer ir a máis a provincia tanto en materia de turismo como de benestar social".

Nesta ocasión, os deportistas galardoados foron o atleta Carlos Pérez ou o remeiro Franco Cobas, aos que calificou como "lendas" antes de agradecer o seu papel como "os precursores, os que abristes ás portas ás novas xeracións de atletas, remeiros e deportistas que hoxe nos enchen de ilusión".

López, durante a súa intervención, tamén lembrou o éxito doutros deportistas como Tere Abelleira, cuestionando "Quen non sentiu que estabamos a gañar moito máis que un Mundial cando voltou a Galicia cunha medalla de ouro?".

No seu discurso, o presidente da Deputación aproveitou para destacar o valor que ten a provincia "no seu conxunto" para practicar deporte, sendo "un enorme recinto deportivo con circuítos de ciclocrós ou BTT, ríos ideais para piragüismo e rías fenomenais para regatas; cantís, sendeiros e picos para a práctica da escalada, o canicrós ou o montañismo. A nosa provincia xunta en menos de 5.000 quilómetros cadrados: natureza, deporte e turismo. Somos unha das provincias máis pequenas, en extensión, de España. Pero somos grandes en deporte. Crédeme cando digo que Pontevedra á desfrutar".

Por estas razóns defende que "o deporte é un sector estratéxico. O deporte é saúde física e mental, é socializar, é equilibrio territorial, educación, economía e turismo. O deporte fainos ir a máis", subliña López. E neste sentido volveu remarcar o seu compromiso pola organización de eventos deportivos en todos os concellos da provincia, poñendo como exemplo o partido que a Selección Española de Fútbol xogará o 1 de decembro no estadio de Pasarón nun encontro oficial da Liga de Nacións Feminina contra o combinado italiano.

Sobre o apoio ao deporte, engadiu a vicepresidenta Marta Fernández-Tapias a intención da Deputación de seguir apoiando o deporte de base co fomento das escolas deportivas para que as nenas e nenos dos concellos se inicien no deporte e destacou os "tempos emocionantes" que está a vivir o deporte da provincia con "recoñecementos en competicións do máis alto nivel internacional".

O acto estivo conducido polo xornalista Terio Carrera e a deportista Desiree Vila e contou coa actuación da banda Eladio y Los Seres Queridos, así como unha exhibición do Club de Patinaxe Artística Gondomar.

López e Fernández-Tapias entregaron un agasallo aos deportistas homenaxeados pola súa traxectoria, nun acto no que tamén se recoñeceu os logros dos deportistas de elite e de base aos que a Deputación presta apoio entregando formalmente as axudas aos 179 deportistas elite e as 96 novas promesas.