O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou este venres ás 58 federacións deportivas de Galicia a ferramenta de identificación de situacións deportivas de contaxio da Covid-19 no deporte galego: FISICOVID-19 DXTGALEGO.
Este instrumento, responde a un "primeiro esquema realizado tras unha diagnose exhaustiva e de forma individualizada con cada unha das preto de 300 especialidades deportivas que se practican en Galicia". Trátase dunha ferramenta preventiva, dixo o secretario xeral que "nos permitirá volver á práctica deportiva" e comezar co Plan de Reactivación do Deporte Galego.
Con esta ferramenta, tratarán de identificar as situacións potenciais de contaxio da Covid-19 tanto na práctica libre e adestramentos como na competición, atendendo ás vías recoñecidas ata o momento polas autoridades sanitarias.
Así mesmo, permitirá a análise das posibilidades de tratamento das diferentes situacións por parte do tecido deportivo e a proposta de medidas de tratamento do risco de contaxio que, de ser necesario, serán supervisadas polas autoridades pertinentes. Estas se encargarán de adoptar medidas para reducir as situacións de contaxio e impulsar a práctica deportiva.
En canto á reunión virtual mantida cos presidentes das 58 federacións deportivas de Galicia, explicouse a metodoloxía seguida na creación da nova ferramenta e puxeron de manifesto a importancia da práctica deportiva para a mellora do benestar así como a necesidade de personalizar a prevención de situacións de contaxio.
Nela, tamén participaron os doutores en Educación Física, Rafael Martín Acero, Joaquín Varela e Dan Río, que actuaron en representación do comité que está a colaborar coa Secretaría Xeral para o Deporte na xénese da ferramenta FISICOVID-19 DXTGALEGO, e encargáronse de trasladar exemplos de éxito de probas piloto levadas a cabo coa nova ferramenta e de explicar a súa metodoloxía.
Segundo a Secretaría Xeral para o Deporte continuará en contacto con cada unha das federacións e crearanse grupos de traballo para compartir necesidades e situacións comúns. Tamén desenvolveranse actividades formativas sobre medidas ante a Covid-19 para o persoal e os directivos de todo o tecido deportivo.