O CW Pontevedra retoma a competición con triunfo sobre o Rías Altas

Pontevedra
14 de xaneiro 2020

O conxunto pontevedrés asegura a segunda posición na División de Honor masculina galega logo de derrotar a un rival directo

Plantel do CW Pontevedra B durante un partido en Lugo
Plantel do CW Pontevedra B durante un partido en Lugo / CW Pontevedra

O CW Pontevedra regresou esta fin de semana á competición cunha axenda repleta de partidos. Ademais do campionato galego cadete feminino, o conxunto lerezano disputou outros catro partidos de diferentes categorías de liga galega que se saldaron con tres triunfos e unha derrota.

A actuación máis destacada do fin de semana foi a do equipo absoluto de División de Honor masculina. O CW Pontevedra recibiu na piscina do CGTD ao Rías Altas, ao que venceu por un cómodo 14-5. Os locais souberon aproveitar as baixas dos coruñeses para facerse cunha importante vitoria ante un rival directo. O enfrontamento quedou resolto na primeira metade, cando os de Javi de Saa fóronse ao descanso con 10-4 no marcador. Os visitantes aproveitaron a relaxación dos pontevedreses no terceiro cuarto, pero no definitivo volveron subir o ritmo para asegurar un triunfo que os afianza na segunda posición da táboa.

O duelo entre os alevíns de ambos conxuntos saldouse con vitoria pontevedresa por 4-9, mentres que en categoría infantil conseguiu impoñerse o Rías Altas por 10-4.

A fin de semana pechouse co desprazamento a Lugo do filial do CW Pontevedra, que derrotou cun plácido 7-16 ao CW Lugo.