A segunda fase da Primeira Nacional Feminina de waterpolo comeza este sábado para o CW Pontevedra. Cos deberes feitos e a permanencia para a próxima tempada en Nacional xa no peto, o conxunto pontevedrés inicia fase cos obxectivos de seguir sumando experiencia e lograr a mellor clasificación posible.
As do Lérez xa están entre as 8 mellores, e de aí "só queda xogar, como o veñen facendo desde principio de tempada, sen complexos e con intención de gañar cada partido, para acabar o máis alto posible", piden desde a entidade.
O único representante galego en Nacional parte nesta fase en sétima posición, pero empatado a puntos co quinto (Leioa), xa que os puntos logrados entre estes equipos na primeira fase mantéñense (contra Leioa, Canoe e Horta). E agora quédanlles por diante outras 8 xornadas para enfrontarse, a ida e volta, a CD Waterpolo Iruña 9802, CN Molins de Rei Sintagmia, CN Vallirana e AR Concepción Ciudad Lineal.
O primeiro será este mesmo sábado, recibindo na piscina da Escola Naval Militar de Marín ao CN Molins de Rei Sintagmia, equipo catalán que finalizou en segundo posto do seu grupo e que agora ocupa a terceira posición con 10 puntos (2 máis que o CW Pontevedra).
O partido comezará ás 17 horas, con entrada gratuíta, pero con obrigación de inscribirse previamente cubrindo un formulario que o club pon ao dispor dos seus afeccionados.