A piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva foi esta fin de semana epicentro dunha intensa actividade de waterpolo coa disputa de catro partidos de diversas categorías entre o CW Pontevedra e o RCN Vigo. Estaba prevista ademais a disputa dos campionatos galegos de categoría infantil feminino e benjamín mixta que tiveron que suspenderse porque a instalación non estaba dispoñible.
O equipo masculino de División de Honra galega foi o último en saltar á auga. Enfrontáronse ao conxunto vigués nun partido sen demasiada transcendencia debido a que o CW Pontevedra está xa clasificado para o playoff de ascenso. Os de Javi de Saa entraron moi metidos no partido e dominaron o primeiro cuarto, logo reaccionaron os vigueses para remontar e, no último acto, os locais foron capaces de igualar a contenda, que terminou en empate a once tantos.
Tívoo mais doado o equipo feminino de División de Honra que, cunha parcial inicial de 5-0, deixou o partido encarrilado no primeiro cuarto. As nadadoras do cadro pontevedrés continúan cunha extraordinaria progresión e ofrecendo en cada partido mellores sensacións. O resultado final foi de 17-6
O primeiro partido da xornada disputouno o filial masculino de liga galega, que venceu con claridade aos vigueses por 16-8. Menos sorte tivo o equipo mixto de categoría infantil que recibiu un severo castigo ao caer por cero goles a dez.