O Club Waterpolo Pontevedra celebra o seu vixésimo aniversario coa organización do Campionato de España Xuvenil de segunda categoría que terá lugar entre o 27 e 30 de xuño na piscina da Escola Naval Militar de Marín. O evento reunirá na vila mariñeira a unha decena de clubs de oito comunidades autónomas e que dará ao gañador un billete para o campionato nacional de primeira categoría.
Durante catro días de competición disputaranse 29 partidos. O pase á fase final, que se disputa o domingo, será para os dous primeiros clasificados de cada un dos dous grupos de cinco equipos. A fase de grupos xógase entre o xoves e o sábado e aqueles equipos que queden fose da fase final enfrontaranse entre eles en eliminatorias directas para compoñer a clasificación final do campionato.
"Esperamos dar a sorpresa, pero hai equipos moi fortes. Aínda que competir en casa sempre é unha motivación extra", afirma o presidente do Waterpolo Pontevedra, José Tellería. O cartel do campionato está formado polo conxunto organizador e o Náutico de Vigo, como representantes galegos; CN As Palmas, CW Elx, Stadium Casabranca, CN Portugalete, WP Xerez, C Brains, CN Calvia e Lautada WP.
Na presentación do campionato, que tivo lugar esta mañá no concello de Marín, o presidente da Federación Española de Natación, Fernando Carpena, destacou a boa organización de eventos que sempre se dá na provincia de Pontevedra e dá a benvida a Marín, que acolle por primeira vez un campionato estatal de natación. Confiado no éxito do campionato está o concelleiro de deportes, Antonio Traba, quen aspira a máis. "Queremos o de primeira categoría", pediu ao mandatario da Federación. Todas as institucións ( Concello, Deputación, Xunta e Federación) agradeceron á Escola Naval Militar a súa boa disposición para ceder as súas instalacións e o comandante director, Ignacio Cuartero, afirmou que "é un orgullo albergar na nosa piscina este campionato".