O Condes de Albarei Teucro desfalece tras o descanso en Benidorm (31-27)

Pontevedra
18 de decembro 2017

Os azuis protagonizaron unha gran primeira metade en Benidorm chegando ao descanso con catro goles de vantaxe, pero o partido fíxoselles longo e terminaron cedendo ao empuxe local nos segundos 30 minutos. A eliminatoria copeira decidirase o vindeiro xoves no Municipal

Partido de liga entre Condes de Albarei Teucro e Benidorm no Municipal
Partido de liga entre Condes de Albarei Teucro e Benidorm no Municipal / Diego Torrado

Toca remontada. Tivo na súa man o Condes de Albarei Teucro volver de Benidorm cun bo resultado no partido de ida da terceira eliminatoria da Copa do Rei, pero fíxoselle longo o encontro (31-27).

Os azuis protagonizaron un gran arranque e dominaron a primeira metade, pero desfaleceron tras o descanso e deberán recuperar os catro goles de desvantaxe na volta do próximo xoves 21 (20:45 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes se non queren despedirse do Torneo do K.O.

O choque comezou cuns minutos de tenteo e igualdade, pero pronto os pontevedreses marcaron o primeiro parcial importante (3-6) obrigando a Zupo Equisoain a pedir tempo morto tras 10 minutos de xogo.

Reaccionaron os locais igualando rapidamente (6-6), aínda que o Teucro seguiu ao seu e recuperou un mando que mantivo ata o descanso, cunha importante renda de 4 goles (12-16).

Todo parecía funcionar pero o esperanzador primeiro acto non tivo continuidade tras o paso por vestiarios. Mellorou o Benidorm, mostrando a versión que empeza a ser habitual en liga, o que unido ao cansazo dos de Quique Domínguez fixo cambiar a tendencia. 

Os azuis aguantaron ata pasado o minuto 40 (17-19). Sen embargo custaba atopar lanzamentos en posicións claras e os locais daban a volta ao marcador (22-20). Era un partido novo e o cadro teucrista buscaba manter aberta a eliminatoria.

Así foi ata case o final, con entre dous e tres goles de desvantaxe, pero o Benidorm nun último arreón ampliaba a súa renda aos 4 tantos finais que poñen difícil, aínda que non imposible, a misión aos pontevedreses. O Municipal ditará sentenza.