O Concello tende a man a un acordo para manter aberto Rías do Sur: "Pola nosa parte non vai quedar"

Pontevedra
23 de novembro 2022

O edil de Deportes, Tino Fernández, mostrouse sorprendido pola decisión da Fundación Rías do Sur de pechar as instalacións de Ponte Muíños o próximo 30 de novembro, ao asegurar que se estaba negociando un acordo para asumir os custos de mantemento. "Nós non formamos parte da Fundación, é unha entidade privada, que conta con noso apoio pero que ten que ter en conta as dificultades administrativas coas que se atopa calquera concelleiro ou calquera alcalde á hora de tomar unha decisión", afirma Fernández

Rolda de prensa na que se explicou o auto de medidas cautelares permitindo a reapertura do Complexo Deportivo Rías do Sur
Rolda de prensa na que se explicou o auto de medidas cautelares permitindo a reapertura do Complexo Deportivo Rías do Sur / Cristina Saiz

A decisión da Fundación Rías do Sur de pechar o complexo deportivo de Ponte Muíños ao non poder asumir os custos para o seu mantemento, colleu de sorpresa o Concello de Pontevedra, que se atopaba negociando un convenio para colaborar neste aspecto.

Así o asegurou este mércores o edil de Deportes, Tino Fernández, tendendo a man municipal para manter activa a que está considerada como "unha instalación estratéxica".

"Mantivemos reunións cos representantes da Fundación nas que expresamos a nosa vontade de chegar a acordos e de colaborar na medida das nosas posibilidades. Pola nosa banda non vai quedar. Imos tentar buscar alternativas e solucións para que a piscina non peche ou peche o menor tempo posible", defende Fernández.

En todo caso o concelleiro responsable da área deportiva lembra que "nós non formamos parte da Fundación, é unha entidade privada, que conta con noso apoio pero que ten que ter en conta as dificultades administrativas coas que se atopa calquera concelleiro ou calquera alcalde á hora de tomar unha decisión. Evidentemente os tempos administrativos son os que son, son complicados, estamos a final de ano co cal as partidas orzamentarias están bastante esgotadas e hai que buscar fórmulas, e niso estamos a tentar buscar fórmulas".

Tino Fernández explica ademais que "primeiro temos que saber cal é o custo, estaba pendente de remitírsenos unha serie de documentación cos gastos de climatización, de auga, etc, e a partir de aí valorar que parte temos que asumir nós, que parte ten que sumir a Fundación e que parte teñen que asumir se cadra os clubs que vaian adestrar alí".

O que non fará o Concello de Pontevedra é asumir o custo total da instalación porque facelo "sería tanto como dicir que municipalizamos o servizo sen municipalizarlo. Ademais dos problemas administrativos e mesmo legais que nos pode supoñer non parece procedente", defende o concelleiro de Deportes.

O convenio que se atopaba negociando o goberno local con Rías do Sur ten como obxectivo garantir o acceso á lámina de auga aos clubs e deportistas federados da cidade así como permitir a organización de competicións e eventos oficiais.