Despois de varios encontros telemáticos durante o estado de alarma, e no medio dunha crecente preocupación a nivel económico por parte da maioría de entidades deportivas ante a incerteza provocada polo coronavirus, o Concello de Pontevedra retomou este xoves os cara a cara presenciais cos clubs da cidade.
O Pavillón Municipal dos Deportes acolleu unha reunión, baixo estritas medidas de seguridade para os asistentes, á que acudiron representantes da maioría de clubs, mentres que outros seguiron a cita por vídeoconferencia.
Por parte do Concello, o obxectivo do edil de Deportes, Tino Fernández, acompañado do director do Servizo Municipal de Deportes, Jaime Agulló, era dar a coñecer a nova aplicación deseñada para a xestión das subvencións e que "supoñerá un paso de xigante na xestión de trámites burocráticos que podían ser un pouco confusos e que a partir de agora resolveranse a golpe de pantalla", explicou Fernández.
O responsable do deporte municipal avanzou ademais, en relación ao tema que máis preocupa ás entidades deportivas, que está previsto aprobar as bases das axudas correspondentes á tempada 18-19 "nun par de semanas". Despois diso "a convocatoria estaría pendente da xeración de crédito a cargo dos remanentes líquidos de tesourería do Concello, malia que estamos a explorar tamén co servizo de Intervención a posibilidade de aprobalas en base a crédito provisional", confirmou o edil.
De sacar adiante esta convocatoria, con todos os seus trámites e unha partida orzamentaria de 300.000 euros, faltaría avanzar a convocatoria da tempada suspendida polo Covid, a 19-20, para poñer ao día o compromiso cos clubs deportivos.
En canto á nova 'app' (deportepontevedra.cluber.es), o goberno local farase cargo da cota de alta e dun ano de mantemento para todos os equipos, e servirá tamén "para facer novos socios, automatizar as cotas do deporte base, vender entradas ou material e enviar comunicados a socios e pais", sinalou Tino Fernández.