A concellería de Deportes levará o próximo luns á Xunta de Goberno a aprobación das axudas para o desenvolvemento das escolas deportivas municipais durante a tempada 2019-2020, que finalizará oficialmente o vindeiro 30 de maio. .
Deste xeito, o departamento dirixido por Tino Fernández ponse ao día nas datas de pago das subvencións deste programa municipal de iniciación deportiva, que nesta última convocatoria incrementou nun 76% a súa consignación económica, pasando de 142.000 a 250.000 euros.
Este aumento no financiamento tradúcese na posibilidade de subvencionar 700 prazas máis (de 2.400 a 3.100) e tamén nun incremento dun 36,67% nas axudas por rapaz inscrito: de 60 a 82 euros (de 40 a 50 euros no caso das rurais).
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes salienta o importante esforzo económico realizado nesta liña de axudas como "unha decidida aposta pola promoción da actividade física a través da iniciación ao deporte dos máis pequenos, contando co motor dinamizador do deporte federado, representado polos clubs e, no ámbito escolar, as ANPA".
Tino Fernández explica que, dado o actual contexto de crise sanitaria, adoptouse a decisión de introducir en cada unha das liñas de subvención un parágrafo "que pretende dar seguridade e apoio ás entidades solicitantes fronte aos posibles efectos provocados pola pandemia da Covid-19".
Neste mesmo sentido, en aplicación da disposición adicional terceira do Real Decreto 463/2020 de 14 de marzo (polo que se declara o estado de alarma), o Concello suspendeu os termos e interrompeu os prazos para a tramitación dos procedementos de concesións de subvencións e axudas públicas.
Pagando tamén subvencións anuais e axudas nominais, o edil do PSOE destaca o traballo levado a cabo polo servizo municipal de Deportes, coordinado por Jaime Agulló, "por facer posible que, no que levamos de estado de alarma, se tramitasen axudas aos equipos da cidade por unha contía global que ascende a 653.344 euros".
Deste xeito, aos 250.000 euros que o luns irán a Xunta de Goberno hai que sumar 300.000 euros das subvencións anuais de 2018 (período 2017-2018); os 91.494 euros correspondentes ao 70% que restaba por abonar das de 2018-2019 (en plena fase de pago), e os adiantos do 30% de tres axudas nominais: 4.500 euros ao Mace Sport para a celebración do Open Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra (xa pagados), 4.200 euros á Sociedad Gimnástica pola organización do Medio Maratón (tamén pagados) e 3.150 ao CN Galaico para a promoción da natación (en fase de pago).
O concelleiro de Deportes indica que, ata o de agora, presentaron a documentación xustificativa relativa ás subvencións anuais de 2018 un total de 26 entidades, das que xa se revisou e se lles solicitou que a completen a de 22; está perfectamente xustificada e enviada a Intervención para a súa fiscalización a de 8, e queda pendente de revisión a de 4.