O prazo de presentación de solicitudes para acceder ás subvencións para clubs deportivos que ofrece o Concello de Pontevedra pechouse este mércores cun total de 63 solicitantes, sete máis que os que concorreron á convocatoria do 2017.
O servizo municipal de Deportes analizará agora a documentación achegada polos clubs e nos próximos días publicarán as listas de beneficiarios. No caso de que algún dos solicitantes non cumpra os requisitos que figuran nas bases, o Concello daralles un prazo adicional de dez días para liquidar os problemas.
Logo, unha comisión presidida polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e con presenza de representantes de todos os grupos da corporación avaliarán cada unha das solicitudes para realizar unha resolución provisional. Os clubs terán dereito a presentar alegacións, que serán estudadas polos técnicos para, a continuación, emitir a resolución definitiva.
Fernández mostrouse moi satisfeito con "a axilidade coa que o servizo de Deportes está a realizar a tramitación das axudas do 2018" e asegurou que mantén en pé a súa intención de que as entidades poidan cobrar os 300.000 euros, orzamento total da convocatoria, "antes de que termine o ano".