O Concello investirá 200.000 euros para que os clubs poidan adestrar e competir nas piscinas de Rías do Sur

Pontevedra
31 de marzo 2023

Parece que o conflito que vira en torno ao peche do Complexo Deportivo Rías do Sur ten os días contados. O Concello de Pontevedra, tal e como informaron este venres o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, chegou a un acordo coa Fundación que xestiona as instalacións para garantir o uso da piscina olímpica e a de 25 metros por parte dos clubs ata o 31 de decembro  

Piscinas do Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuíños
Piscinas do Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuíños / Mónica Patxot

Parece que o conflito que vira en torno ao peche do Complexo Deportivo Rías do Sur ten os días contados. O Concello de Pontevedra, tal e como informaron este venres o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, chegou a un acordo coa Fundación que xestiona as instalacións para garantir o uso da piscina olímpica e a de 25 metros por parte dos clubs ata o 31 de decembro.

Afirman que será o propio Concello o que fará unha achega de 200.000 euros ata final de ano para que as entidades afectadas poidan facer uso da lámina de auga para adestrar e realizar competicións deportivas. Rías do Sur, pola súa banda, deberá xustificar os gastos para poñer en funcionamento esa parte da instalación e, unha vez feito, nun prazo de "15 a 20 días poñerase a funcionar".

"Aínda non está decidido o seu futuro, pero queremos por riba de todo que siga medrando o deporte e que todo o mundo teña garantía de poder adestrar", afirmou Lores á vez que lamentou que, polo momento, o uso das instalacións será para uso exclusivo dos clubs e, de aquí a final de ano, buscarán solucións para que "a use toda a cidadanía".

"Ten que quedar claro", lembrou o alcalde, "que a piscina olímpica está rexida por unha fundación de interese público, o Concello no seu momento cedeu o terreo para garantir o uso de todo o mundo, pero entre a pandemia e o abandono da xestión por parte de Supera, tivemos un ano moi complicado. Dámonos un prazo dun ano sobre como se vai xestionar non futuro", algo que considera "fundamental e básico" pola vantaxe que lle dá a Pontevedra de seguir crecendo e de acoller competicións internacionais.

Lamentou Tino Fernandez que se chegase a esta situación de tensión "tanto nós, que non somos responsables, nin os clubs" polo que "hai que liquidar o problema definitivamente, non podemos seguir así".

Será este mesmo venres cando se celebre a segunda reunión entre Concello e Fundación para tentar pechar as negociacións e poñer en funcionamento as instalacións "a curto prazo". Engaden que a apertura da instalación para particulares "é imposible" aínda que a súa intención é que se poida utilizar a pista de squash, algo que vai depender "de como se leve a xestión".

Por último, desde o goberno local transmitiron a representantes do SAPO, Galaico Sincro, Galaico e Waterpolo que se comprometen a realizar a achega económica para que poidan usar a piscina coa única condición de que, para abaratar custos, os socorristas terán que poñelos eles.