O Concello desbloquea as subvencións deportivas da tempada 17/18 e espera pagar a final de mes

Pontevedra
03 de abril 2020

Segundo aclarou o Concelleiro de Deportes, Tino Fernández, esperan ter lista a proposta de resolución definitiva o vindeiro luns, de maneira que se poida remitir ao Servizo de Intervención e que o pago se poida realizar a finais do mes de abril

Tino Fernández, reunido con representantes dos clubs de Pontevedra
Tino Fernández, reunido con representantes dos clubs de Pontevedra / Concello de Pontevedra

A declaración do estado de alarma pola crise santiaria do Covid-19, supuxo a paralización administrativa do expediente que estaba en marcha para abonar as subvencións deportivas da tempada 2017/2018 e que se atopaba en fase de alegacións cando se decretaron as medidas extraordinarias.

Por iso, o Concello de Pontevedra emitiu o pasado 21 de marzo unha solicitude ás 63 entidades deportivas solicitantes das axudas para que remitisen un escrito de conformidade coa resolución e, grazas á colaboración deses clubs que manifestaron o seu acordo, a Concellería de Deportes puido desbloquear os trámites burocráticos e apurar ao máximo os prazos de cobranza destas axudas que supoñen un total de 300.000 euros.

Segundo aclarou o Concelleiro de Deportes, Tino Fernández, esperan ter lista a proposta de resolución definitiva o vindeiro luns, de maneira que se poida remitir ao Servizo de Intervención e que o pago se poida realizar a finais do mes de abril.

"Ese é o calendario que nos marcamos", sinalou o edil pontevedrés. "Tal vez sexa un pouco ambicioso, pero cremos que os clubs están moi necesitados e, por tanto, temos que apurar ao máximo os prazos", opinou en relación ao actual contexto no que moitos equipos tiveron que recorrer a realizar ERTE (Expediente Temporal de Regulación de Emprego).

Tras estas axudas, o Concello aínda tería pendentes as subvencións deportivas correspondentes á campaña 18/19 e ao curso que está en vigor, o 19/20.