A renovación do contrato de patrocinio ao triatleta afincado en Pontevedra e cinco veces campión do mundo, Javier Gómez Noya, foi un dos puntos aprobados pola Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra este luns.
"É un orgullo que Gómez Noya leve a Pontevedra por todo o mundo. Cando corre, Pontevedra corre con el", declarou a concelleira Carme da Silva, que exerce como portavoz en substitución de Anabel Gulías.
A través deste convenio, o Concello abonará ao triatleta 48.400 euros como patrocinio para os dous próximos anos. O contrato anterior expiraba coa celebración dos Xogos Olímpicos de Tokyio que a pandemia da Covid-19 obrigou a suspender.
"Por Gómez Noya e todos atletas, agardemos que o ano que vén se poidan desenvolver as olimpíadas, suporá que está superada a crise da Covid-19", rematou a concelleira.
O triatleta ferrolán ten como obxectivo prioritario tentar conseguir o ouro olímpico que supoñería o mellor colofón a unha carreira infestada de éxitos. Con todo, a preparación da cita olímpica está a resultar complicada para todos os triatletas porque o calendario internacional viu como a pandemia obrigaba a suspender a maioría das competicións.
Esta fin de semana está prevista a celebración do campionato de España de distancia Sprint en Pontevedra, aínda que Gómez Noya tampouco competirá debido a que ten confirmada a súa asistencia a unha proba da liga francesa, un dos campionatos estatais máis prestixiosos e de maior nivel do mundo.